martes, 22 de enero de 2013

«A saga de músicos Courtier»

Introducción do Proxecto de Recuperación Musical: Descubrindo as nosas músicas

«A saga de músicos Courtier»

Situaremos a comezos do século XIX o inicio do noso relatorio. Hai case 200 anos, en 1818, Juan Courtier (1780-1860) obtén a plaza de primeiro violín na capela de música da catedral compostelá, un dos principais e máis señeiros centros relixiosos para o catolicismo, e que non por iso pasou desapercibida ante as severas desamortizacións, que provocaron que esta capela tamén se resentise profundamente.
 .
Os músicos vinculados ós estamentos relixiosos acostumaban posuír unha estricta formación musical que se vía favorecida polo feito de pertencer ós mesmos, outorgándolles, ademais, gran reputación e prestixio ainda que, como acontece nesta gravosa primeira metade de século, chegarán incluso a suprimirlles o salario. Tras unha intensa loita entre estos e a basílica coa que mantiñan o deber de exclusividade, finalmente permítiráselle a asistencia e intervención noutros ámbitos musicais da cidade, principalmente no teatro e na instrucción doméstica.
 .
Deste xeito, Juan Courtier, establécese en Compostela, onde contraerá nupcias con Rosa Vázquez. Froito do matrimonio nacen sete fillos, dos que destacaremos principalmente a José (1830-1912) e Hilario  Courtier (1832-1883), aínda que defendemos que, pese a que os demáis non desenrolaron unha vida pública tan intensa, todos eles chegaron a adquirir sólidos coñecementos musicais.
 .
José e Hilario desenvolverán unha extenuante actividade musical que impregnará as rúas compostelás e coruñesas. Coincide cunha etapa de expansión da música e da cultura dende o ámbito relixioso cara o laico, albergándose en novos ou renovados espazos. Teatros, cafés, veladas, academias, etc., comenzan a proliferar e verse beneficiados de figuras como os Courtier ou outras personaxes como Santiago Tafall, Canuto Berea, Ángel Brage, José Gómez Veiga "Curros", Enrique Lens, Manuel Valverde, etc., que axudarán a que a música se democratice e que chegue a tódolos ámbitos sociais, ademáis de abrir as portas de ámbalas dúas cidades a unha gran variedade de obras, configurando un amplo e versátil repertorio.
 .
Ademais da súa presenza na catedral á fronte do papel de primeiro violín, será crucial a súa labor nos ámbitos teatral - tanto como parte implicada, como parte xestora e administrativa -; na educación, en estamentos como o Círculo Recreativo de Artesáns (A Coruña), a Escola de Música da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago ou a nivel personal, contando entre os seus alumnos personaxes como o famoso violinista navarro Pablo Sarasate; na dirección en diversas agrupacións como bandas, a tuna compostelá ou distintas agrupacións camerísticas; e un longo etcétera que pretendemos dar a coñecer a través deste proxecto.
 .
Finalmente, como exemplo da terceira xeración Courtier, centramos as nosas miradas na figura de Ricardo Courtier (1863-1922). De novo, un músico nacido entre violíns e pianos e con formación musical clásica e académica, pero inmerso e partícipe da época na que viviu. Fórmase en A Coruña ata os 16 anos, momento no que se traslada a Barcelona, onde entrará en contacto coa Renaixença e coas novas músicas e modas que están a chegar dende Europa principalmente e Ultramar. Finalizará os seus estudos musicais en Madrid e dirixirá compañías de zarzuela por toda a península xustamente antes da súa chegada a Pobra de Trives (Ourense), en 1888, contando apenas 25 anos de idade. Na vila ourensá convertirase no principal músico, impulsor dun orfeón, unha banda ou a agrupación pola que acadará o maior dos recoñecementos: será compositor e fundador do grupo de gaitas Os Trintas de Trives. Finalmente trasládase a Ourense en 1907, cando asume a reorganización e dirección da Banda Municipal de Ourense, ademáis doutros cargos e postos que desenvolve na cidade das Burgas, sempre implicado na revitalización e activación da vida musical.
 .
Entre as súas composicións atopamos unha zarzuela galega, melodías galegas para voz e piano, muiñeiras para piano, obras para banda e, como non, para Os Trintas.
 .
Resulta crucial observar o decorrer compositivo da música académica relixiosa e profana ó nacionalismo musical galego de comezos de século, previo paso polo eslabón que representan José e Hilario nese momento inicial de apertura. Realmente todos foron músicos de referencia, ós que se lles profesaba unha alta estima e recoñecida autoridade, xa non só na localidade onde desplegaban o seu maxisterio, senón a nivel galego.
 .
Mediante este proxecto pretendemos mostrar unha imaxe global, amena, atractiva, pero sempre rigorosa e precisa sobre a súa traxectoria, tanto biográfica como compositivamente, podendo así chegar a disfrutar e valorar a súa música a través das audicións en directo. En definitiva, abrir ó público esta saga de músicos galegos, para que axude a propiciar amplitude de miras e certa curiosidade e respecto cara a cultura e a tradición máis próximas e totalmente descoñecidas ata o momento.


Ilustración pertencente ó libro de imaxes: Trives, una mirada al pasado; Concello de Pobra de Trives, 1997.
A muiñeira Rosariño estaba adicada 
«A la Sra. Jacinta Alvarado Ibarroeta [sic.] Aldamar Marquesa de Trives»

No hay comentarios:

Publicar un comentario