martes, 15 de enero de 2013


«Ricardo Courtier e a música galega»


Alberto Cancela Montes
Beatriz Cancela Montes

O próximo 10 de marzal de 2013 cúmplese o 150 aniversario do nacemento de Ricardo Courtier.

«La modestia, esa hermosa cualidad que acompaña de ordinario a todo gallego enxebre, hace que aún sea hoy poco menos que desconocida para la mayoría de los hijos de nuestra "pequeña patria" la existencia de un artista de valor indudable, hermano nuestro, que en la actualidad se halla entre nosotros; me refiero al simpático Courtier, cuyo retrato, acompañando a estas desaliñadas líneas, tengo el gusto de ofrecer a mis queridos lectores».

(J. Plá y Zubiri en «Artistas gallegos. Ricardo Courtier», 
en Galicia Moderna, año I, No. 5, Pontevedra, 1897)


                                      Foto cedida por Juan Carlos Dominguez (Trives)


«Home do seu tempo», Ricardo Courtier (A Coruña, 1863 – Ourense, 1922) destaca por ser un prolífico músico cunha sólida formación e involucrado nas innovacións musicais que se desenrolan na sua época. Será unha das pezas claves na configuración e estudo da música galega nos anos do cambio do ségulo XIX ao XX, e que poderíamos imbrincar nese primeiro nacionalismo musical que se estaba a propagar na periferia.

            A partir da segunda metade do século XIX Europa comeza a ser testemuña do desgaste producido polo romanticismo, deste xeito o nacionalismo musical representa a alternativa á supremacia da música alemana, así como da ópera italiana. Os compositores comezan a buscar un son propio e novas formas de expresión musical. Deste xeito hai un abeiramento cara a música folklórica, o que poderíamos denominar música culta dende a tradición. A obra de Ricardo Courtier representa perfectamente este feito, ainda que para entender o achegamento deste compositor cara a música galega temos que facer un pequeno retroceso na súa vida, antes da chegada a Pobra de Trives, onde comeza a sua labor de estudo, recuperación e composición de obras galegas.

            Con a penas 16 anos, en plena etapa de formación, trasládase a Barcelona coa familia. Durante estos anos a cidade condal configúrase como centro de recepción de músicas europeas e americanas; a estética wagneriana arriba a partires dos anos 80 e provoca nunha serie de intelectuais a loita pola creación dunha ópera nacional. Estos feitos constituirán a base fundamental no plantexamento e sustento da música vinculada á Renaixença. Seguindo esa liña aparece a figura de Josep Anselm Clavé o cal creará o primeiro movemento coral existente en España a través de La Fraternidad, seguindo patróns europeos principalmente de Francia e Bélxica, nos que o compoñente popular e folklórico teñen un gran peso, acadando o punto máis álxido en 1891 coa creación do Orfeó Catalá. Ricardo entrará en contacto con este movemendo participando no orfeón La Euterpense Catalana, onde xa eran relevantes algúns membros barceloneses da familia Courtier.

            Todas estas vivenzas e ideas trasládaas a Galicia á súa volta, acaecida en 1888. Pola súa parte contribuirá a crear un teatro lírico en galego, así nace a zarzuela Flor de Cardo de sabor galego, «basada en cantos populares gallegos. Además es rica de instrumentación, como para demostrar que su compositor sabe lo que trae entre manos» (Gaceta de Galicia, 28-VI-1904). Conta co libretista petinés Antonio Suárez de Puga, encargado de elaborar un texto costumista que posee rasgos característicos da zona de Quiroga. A obra estréase no Teatro Eslava de Madrid o 25 de maio de 1904. Asímesmo e por outra banda, a formación coral catalana deixará unha grande pegada, que podemos observar na creación do Orfeón Courtier de Trives.

            O estudo da música tradicional que fai Ricardo queda patente na participación, xunto con outros folkloristas da talla de José Inzenga, Juán Montes, Reveriano Soutullo ou Santiago Tafall, entre os máis destacados, na compilación do Cancionero Musical de Galicia de Casto Sampedro e Folgar, transcribindo obras pertencentes á tradición oral da zona de Trives. Asemade para a agrupación Os Trintas realiza diferentes obras como as transcripcións de música popular Pot-purri de cantos asturianos, Muiñeira, Polka, Danza ou Canto de Seitura; composicións propias como Os Trintas, Blanca o Negra ou A Desperniquebradera; adaptacións de obras propias como Rosariño, Villoria e arreglos de música de outros compositores como Chueca, H. Hisgler, E. Waldteufeld, José Castro "Chané" ou Juan Montes (incluindo a famosa Alborada Gallega) entre outros.

            A obra de Ricardo Courtier mostra unha grande versatilidade de liñas creando composicións propias inspiradas e sustentadas na música popular. Deste xeito temos obras de salón como Rosariño (1902), muiñeira para piano; Villoria; Hechizo, vals brillante ou Morriña (1903). E non só para piano ou agrupacións reducidas, senon tamén existen composicións para banda como Rosicler, tanda de valses, que foi interpretada pola Banda Municipal de Santiago xa en 1910, o que denota a gran fama que acadou a obra.


Liña Compositiva

            De forma xeralizada, as obras de Courtier posúen unha sinxeleza harmónica cercana á música tradicional, ainda que por outra banda desprega a súa creatividade e destreza compositiva cun traballo máis intenso en obras como Flor de Cardo, Morriña e sobretodo Hechizo. Quedan patentes os seus amplos coñecementos en torno á música académica, pero éstes coexisten co emprego de abundantes elementos característicos da música popular como son as longas pedais, floreos, repeticións en eco ou o uso de melodías tratando de imitar instrumentos como a gaita ou o tamboril. Todo esto fai que a súa obra goce dunha sonoridade característica e propia que convirten a Ricardo Courtier nun músico versátil, inovador e cercano á tradición.



No hay comentarios:

Publicar un comentario