Os Trintas de Trives foron un cuarteto de gaita, clarinete en mi b (requinto), redoblante (caixa) e bombo, creado por iniciativa do compositor Ricardo Courtier a finais do século XIX na localidade ourensá de Pobra de Trives e formado polos irmáns Félix, Fermín, Rogelio e Luís Álvarez.
No seu tempo foron aclamados tanto polo
público como pola prensa que se facía eco das súas actuacións por
toda Galicia e as súas saídas a Madrid, Barcelona ou La Habana,
sendo considerados un dos máis importantes grupos de música popular
galega do momento.
Os Trintas son un grupo diferente ao que se
pode considerar hoxe en día unha formación de música tradicional,
xa que os seus compoñentes son músicos formados que tocan con
partitura e o seu repertorio está composto especialmente para eles
por un autor recoñecido (R. Courtier), que mestura melodías
populares galegas e ritmos de moda no momento como a mazurka ou o
vals con arranxos de obras máis “serias” de compositores como
Juan Montes, José Castro “Chané” ou Federico Chueca.
O éxito da formación vese tamén reflectido
na gran cantidade de cuartetos con clarinete que van ser creados por
todo o territorio galego nos anos seguintes á súa aparición e que
converterán a esta combinación instrumental en agrupación tipo da
música galega ata a aparición dos cuartetos con dúas gaitas, cara
o ano 1925.
Na
actualidade existe un crecente interese pola recuperación da
historia da música dos Trintas de Trives que está a ser
interpretada por músicos da talla de Vaamonde, Lamas e Romero ou
Marcos Foxo, entre outros.
Traballo levado a cabo por:
Fernando Abreu
Clarinetista galego de
sólida formación académica e ampla e variada experiencia
profesional. Titulado en clarinete polo Real Conservatorio Superior
de Música de Madrid e na interpretación de clarinetes históricos
polo Koninklij Conservatorium de A Haia (Holanda), está tamén
especializado en Música Tradicional Galega pola Universidade de
Santiago de Compostela.
Como intérprete ten participado tanto como solista
ou en grupo en proxectos de música antiga, contemporánea, jazz ou
popular cos que ten chegado a actuar por toda Europa, América ou
norte de África realizando tamén traballos para teatro, cine ou tv.
Na actualidade podémolo escoitar a dúo co
guitarrista Pablo Carrera no seu proxecto mais persoal chamado 2uS e
co cal ven de editar o segundo traballo discográfico,
reinterpretando musica galega co Cuarteto Caramuxo, acercándose ó
rock e á world music coa Banda Crebinsky ou dirixindo e tocando na
Orquestra de Música Espontánea de Galicia (O.M.E.GA.) ademais de
participar como colaborador en moitos traballos discográficos como
os de Mercedes Peón entre outros.
Toda a súa bagaxe musical serve de base na súa
faceta como docente onde traballa como profesor de música de ensino
secundario no IES Salvaterra de Miño realizando gravacións
discográficas e audiovisuais cos seus alumnos.
A versatilidade como instrumentista permítelle
tocar todos os instrumento da familia do clarinete e así podémolo
escoitar tocando un chalumeau ou un clarinete do S. XVIII ata os
modelos mais modernos da familia como o clarinete baixo ou o
contrabaixo.
Como investigador centra o seu interés no papel do
clarinete na música popular galega, nomeadamente nas murgas e nos
cuartetos de principios do século XX onde este instrumento facía
dúo coa gaita xunto a tambor e bombo. A súa investigación sobre Os
Trintas de Trives semella un paso lóxico neste proceso de
investigación que agarda ser en breve o argumento principal da súa
tese de doutoramento en etnomusicoloxía na Universidad de
Valladolid.
No hay comentarios:
Publicar un comentario