martes, 15 de enero de 2013

Artículo publicado en O Sil, Especial Nadal, Decembro 2012, p. 46.

«Un músico, unha vila: Ricardo Courtier e Trives»


Alberto Cancela Montes
Beatriz Cancela Montes


            Músico versátil, portador e continuador dunha magnífica saga, pero ante todo, músico do seu tempo, que soubo aproveitar a tradición familiar para seguir e innovar na música que se estaba a desenrolar. Coñecedor das novidades que se estaban a vivir con respecto ó nacionalismo musical, creará unha liña compositiva propia e característica onde o folklore asumirá un grande protagonismo. Asimesmo, home implicado na realidade máis cercana, que establecerá coa vila ourensá un quid pro quo: Trives namorou a Courtier pero el tamén soubo conquistar e facer cómplice á vila a través do seu quefacer musical.

            Ricardo Courtier Burguero nace en A Coruña o 10 de marzo de 1863 e, ó igual que os seus irmáns, recibirá a primeira instrucción musical de mans do seu pai, José Courtier. En 1879 o avezado músico e a súa familia trasládanse a Barcelona. Dende a cidade condal, Ricardo Courtier, desplazarase a distintos lugares: complementará a súa formación en Cádiz e na Escola Nacional de Música e Declamación de Madrid, onde estuda a carreira de piano, ademáis de harmonía e composición. Precisamente esta será a época na que está de xira por toda España como director de importantes compañías de zarzuela.

            Deste xeito acadamos o momento da súa chegada á Pobra de Trives: será no ano 1888, cando o coruñés conta tan só 25 anos de idade. Os primeiros datos vinculan ó xove músico coa viúva Filomena Santamaría Domínguez coa que casará en decembro de 1889. Froito do matrimonio nacen Ángeles Marina (extramatrimonial, nada en xuño de 1889), Rosario (1890), Matilde (1892), María de los Ángeles (1894) e Milagros (1896); ademáis dos vástagos que aportou a oriunda do matrimonio anterior.

            Instálase na vila e comeza a desempeñar labores como organista na igrexa e como pianista no casino, amenizando as veladas que alí tiñan lugar. Pronto reúne ó seu redor unha serie de aficionados cos que chegará a levar a cabo a interpretación de "zarzuelitas" e xoguetes cómicos sendo, de seguro, o alma mater deses eventos. Así comeza a popularizarse a súa figura, gañando amizades e prestixio, ademáis de apoios que o levarán a mobilizar á poboación trivesa cara a creación de novas agrupacións musicais.

            O primeiro conxunto que atopamos constitúeo a Banda de Pobra de Trives. Pouco despois da chegada de Courtier á vila xa hai noticias na prensa sobre a existencia da Banda, en 1889. Trátasae dunha agrupación con aires de banda militar en canto á distribución do instrumental, cunha maioría aplastante de metais: en 1890 os 26 músicos cos que contaba estaban divididos en 6 madeiras (frautín, frautas e clarinetes), 3 percusionistas (caixa, bombo e pratos) e 17 metais (trompetas, fliscornos, bombardinos ou tubas). Desgrazadamente a vida desta colectividade languidécese no ano 1898.

            O seguinte proxecto constitúeo a formación e dirección do Orfeón Courtier no ano 1893, chegando a participar nel «unos 40 muchachos de la buena sociedad de Trives, entre ellos algunos escolares» (Gaceta de Galicia, 29-VIII-1893).

            As agrupacións musicais creadas por Courtier en Trives chegan ó seu cénit co nacemento do afamado conxunto Os Trintas. Será con motivo da asistencia dos gaiteiros de Ventoselas á localidade de Piñeiro de San Fiz, cando Ricardo baralle a posibilidade de crear unha agrupación musical do estilo, aínda que con elementos diferenciadores: outorgaralle un repertorio propio e persoal, que el mesmo se encargaría de confeccionar. Serán os irmáns Álvarez, integrantes da banda que o propio Ricardo fundara, os que configuren o novo conxunto e acaden unha gran fama e popularidade cunha gaita, un requinto, caixa e bombo. Os coñecementos en torno á linguaxe musical acadados polos Álvarez favorecerán que Ricardo compoña e arranxe obras de gran complexidade e virtuosismo instrumental. De feito, moitas obras perdurarán no repertorio tradicional ata os nosos días, sendo recoñecidas como obras clásicas dentro desta música.

            Ricardo Courtier implicarase profundamente na actividade musical de Trives, revitalizándoa a través do achegamento de novas obras, xa sexan coñecidas noutras cidades, xa sexan de propia autoría. Pero tamén revitalizándoa mediante a participación dos seus conciudadanos, feito que provocará un fondo sentimento de respecto e admiración. Entre estos apoios e amizades, comezará a despuntar a relación co Marquesado. Con respecto á Banda, no século XIX prolifera a creación de bandas civis, moi influenciado pola clase burguesa e baixo o amparo de institucións ou iniciativas persoais, como cremos que acontece neste caso, vinculada ó aristócrata trivés; no caso do Orfeón será a II Marquesa, Jacinta Alvarado Barroeta-Aldamar, a presidenta honorífica; e con respeto ós Trintas, o Marqués de novo volta a actuar como mecenas da agrupación, chegandolle a compoñer obras específicas e adicadas como Rosariño (adicada á Marquesa Jacinta Alvarado).

Etapa de madurez: Ourense.

            A etapa trivesa chega á súa fin en 1907, ano no que Ricardo e a súa familia establecen a súa residencia en Ourense, aínda que a escisión con Trives non foi drástica, mantendo lazos coa vila. En Ourense acada a praza de director da Banda Municipal, aínda que non será nomeado oficialmente ata o 18 de setembro de 1910.

            Na cidade das Burgas a inquedanza e a versatilidade de tarefas que desempeña simultáneamente evidénciase tamén coa participación no Club Orensano tódalas noites á fronte do piano; co profesor Outomuro realizará concertos no Café Moderno; e incluso existen referencias que o sitúan como pianista e director do sexteto que actuaba no café La Unión. Con respecto á actividade orfeonística, será nomeado xefe da sección musical do primeiro ateneo da cidade e actuará como asesor do orfeón. Asimesmo será requerido como xurado en diversos certames musicais.

            O 10 de decembro de 1922, ós 59 anos de idade, Ricardo Courtier falece a causa dunha bronquite crónica na Rúa Moratín, atopándose viúvo e ó cargo das súas fillas Matilde, Rosario, Marina e Milagros. Somente catro anos despois do seu óbito, ten lugar unha homenaxe ó mestre o día da conmemoración do seu aniversario, no que se reúnen as tres bandas de música existentes na cidade xunto co Orfeón Unión Orensana, para honrar a labor desenvolvida nesta a súa derradeira cidade de residencia.


2 comentarios:

  1. La hija mayor de Ricardo, Marina, casó con Luciano García Nóvoa (Tío de mi madre y de la firma "Manuel García e Hijos", de la calle Lamas Carvajal), y no tuvieron descendencia. La hija menor, Milagros, casó con Piero Lucotti, italiano de Padua, que había estado en los territorios de Etiopía conquistados por Mussolini en 1936. Piero y Milagros tampoco tuvieron descendencia. Piero trabajó en Orense como maestro de obras (equivalente al actual aparejador).

    ResponderEliminar
  2. Piero y Milagros tuvieron una hija , mi tía Rinetta(que vive y está en Valladolid) y de hecho Piero tenía una hija de su primer matrimonio que se llamaba Ana María . O sea que si, Piero y Milagros tuvieron una hija .

    ResponderEliminar