martes, 15 de enero de 2013

Entrevista publicada no periódico ourensá O Sil, no. 198, Decembro 2012, p. 31.

<<Tres Xeracións>>


«A saga de músicos Courtier, estudada polos musicólogos Alberto e Beatriz Cancela».


Fundador, compositor e arranxista de Os Trintas de Trives, Ricardo Courtier foi un auténtico revulsivo na vida musical desta vila ourensá a finais do século XIX. «Alí funda a banda de música (1889), o Orfeón Courtier (1893), ademais de tocar o órgano na igrexa e o piano no Casino. Tamén relevante será a súa participación como colaborador na elaboración do Cancioneiro Musical de Galicia de Casto Sampedro, aportando algunhas pezas recollidas na zona.

Posteriormente, a partir de 1907, tamén en Ourense despregará unha ampla variedade de actividades musicais». Pero foi «a longa traxectoria e a relevancia que tiveron Os Trintas» as que propiciaron que a figura de Courtier «se mantivera patente na tradición». Son  palabras dos irmáns composteláns, Alberto e Beatriz Cancela Montes, ámbolos dous musicólogos e autores         do traballo «Da música académica ao nacionalismo musical. A saga de músicos Courtier en Galicia», co que no 2011 obtiñan a mención especial do premio de investigación histórica Domingo Fontán. Sobre este estudo falaron en Trives no decurso do  I Encontro sobre Violino Popular, «unha proposta realmente interesante» e «enriquecedora».



¿Como xurde o voso interese por Courtier?
A idea nace a partires dun traballo de investigación anterior centrado na figura de Santiago Tafall e do ambiente musical compostelán do século XIX. No proceso de realización do estudo emerxe o apelido Courtier como relevante en dito contexto, aínda que ofrecendo dificultades en canto á delimitación da labor de cada un dos seus membros. A relevancia que tiveron na súa época e o interese que esperta en nós a súa actividade, provocará que xurdan ansias de estudalos en profundidade e tratar de dar a coñecer as súas traxectorias.

O título do traballo fai referencia a unha saga musical non só a Ricardo Courtier, ¿por que? O noso estudo abrangue tres xeracións de músicos: dende Juan Courtier, que é o que chega a Compostela en 1818, pasando polos seus fillos, entre os que destacamos a Hilario, José e Juan Nepomuceno e, finalmente, ata a terceira xeración, onde Ricardo Courtier é o descendente máis señeiro. É prácticamente un século de músicos Courtier en Galicia, sobre os que podemos observar a evolución das funcións do músico decimonónico: dende as capelas catedralicias como principal centro musical, pasando pola invasión da música ao ambiente urbano (cafés, veladas, sociedades, etc.) e finalizando coa impronta que tivo a
irrupción do primeiro nacionalismo na música galega, na súa pretensión de recuperar a historia e o acervo pero tamén para crear novas obras de temática ou inspiración galega.

¿Como se desenvolveu o traballo? 
Iniciamos unha extensa labor de documentación bibliográfica que non se abandonou ata o final do proxecto. Pero se algo se apropiou do tempo empregado e, á súa vez, aportou a maior parte da información foi a labor heurística: tanto o rastrexo en diversos arquivos e fondos públicos e privados, ó igual que un exhaustivo baleirado de prensa que abrangue máis dun século en diversos puntos da xeografía española. Finalmente, despois de analizar e contrastar toda a información, procedemos á plasmación das pesquisas nun relatorio que vai acompañado dunha análise das obras conservadas para coñecer o estilo compositivo de cada un dos principais músicos Courtier, sen obviar o contexto no que estes feitos se imbrican. 

¿Cales son as principais conclusións deste estudo?
Comprobamos que non existen compartimentos estancos e que a música bebe e enriquécese coas novas aportacións e cos distintos ámbitos. Falamos dunha época na que a música se democratiza e se achega a todas as clases sociais interactuando obras do repertorio (chamémoslle) clásico, con música popular, zarzuelas, danzas, etc., onde figuras como os Courtier, cunha profunda formación musical, pero ao fin e ao cabo, músicos da súa época, son os encargados de establecer esa ponte de unión. Pero por riba de todo, constatamos que o século XIX en Galicia é unha época da que pouco se sabe todavía. Que posuímos un vasto legado que aínda está por dilucidar e do que temos dereito a coñecer e facer noso, porque realmente é a nosa historia. 

¿Está prevista a publicación destetraballo de investigación?
Ademais de estar prevista, é o noso máximo obxectivo. Estamos tratando de pechar o estudo introducindo novos achados que foron saíndo na última tempada e tamén  pretendemos incluír partituras que fomos atopando. Existe asemade a pretensión de poder dar a coñecer esta música, esperamos que para o ano que vén, con motivo de celebrarse os 150 anos do nacemento de Ricardo Courtier. 

¿Está recoñecido o seu legado ou debería potenciarse máis?
Xa só nestes tres anos e pico que levamos investigando, o premio Domingo Fontán ou agora o I Encontro de violino popular «O violino de Courtier» en Trives, son acontecementos moi relevantes que axudan a que a figura de Ricardo Courtier poida ser recoñecida e valorada. Pero, ademais de ser coñecida a súa figura e o ámbito onde se desenvolveu, o máis importante é que sexa interpretado para poder desfrutar da súa obra escoitando a música que compuxo.

  Foto: Santi Alvite.

No hay comentarios:

Publicar un comentario